lunes, 21 de septiembre de 2020

AGUSTÍN AGRA: CARÁCTER, PACIENCIA, SOIDADE... "SILENCIO"

Estabamos no cole o outro día medindo as clases e a distancia entre pupitres para adaptalas ao protocolo COVID e falando dos teléfonos fixos; que xa non se usan, que só chaman as persoas máis próximas como os pais ou os avós; que antes, se chamaban de noite, sabías que era algo importante... Agora, cos móbiles e as novas tecnoloxías, chaman a calquera hora do día ou da noite. Máis ben mándanse mensaxes e non paras de recibir notificacións de aplicacións e demais. No confinamento, isto acentuouse tanto coas mensaxes de actividades dos rapaces que tiven que silenciar o teléfono, co cal, se chamaban de noite por algo importante, non me ía decatar. Ao final, un medio de estar comunicado fai que non o esteas. O caso é que ese mesmo día pola noite, en realidade xa era o día seguinte, cando estaba a piques de meterme na cama, soa o teléfono e cando miro si que era importante. O anuncio da presentación do libro de Agustín, "Silencio"

Nestes tempos de novas tecnoloxías, o que antes se chamaban cualificativos agora son etiquetas. Porén, a min, persoalmente, non me gustan porque non se poden resumir nunha soa palabra aspectos que necesitan ser descritos máis amplamente para comprender a dimensión persoal e profesional dunha persoa. 

Se teño que explicar quen é Agustín para min, coido que o mellor xeito de empezar, porque o describe á perfección, é cunha anécdota que me aconteceu hai pouco tomando un café nunha terraza. Pasou Agustín paseando con présa de camiño ás súas tarefas pero, coma sempre, tivo ese momentiño de parar a preguntar que tal ía todo. Cando se afastou retomando o seu camiño, a propietaria do establecemento dirixiuse a min e díxome: "este rapaz é tan Boa Persoa...". E ten razón. Quizais sexa o trazo máis significativo que o poida describir. Eu creo que lle veu de serie porque todo o demais aprendeuno co tempo.

Unha das cousas que aprendeu cedo e que o guiaron na súa vida máis tarde foi ser deportista, corredor de fondo, o cal leva aparellado, en palabras de Clemente Alonso (triatleta de elite e médico): "os fondistas, en xeral, temos un Carácter especial, ou carácter a secas... ter carácter, determinación, agarrarse á posibilidade de seguir o teu camiño aínda que sexa pouco transitado, é unha forma sutil de liberdade, aquela na que non necesitamos seguir a corrente xeral ao ter un criterio propio, un xeito de actuar persoal e todas esas ferramentas que o deporte nos deu, todas esas ferramentas que traballamos...".


Fonte: Xaiño Méndez

Outra característica dos fondistas é a Paciencia que se necesita nos esforzos de longos alentos para esperar ao momento axeitado de botar as pernas a correr a full, ou de debullar unha idea ata o final sabendo que vas na dirección correcta. Ou pola contra, gardar forzas na carreira para darlle unha nova volta á idea orixinal, porque non nos convence o suficiente o posible resultado que poidamos acadar.

A Soidade. A mal chamada soidade do corredor de fondo porque nunca vas só, sempre vas contigo mesmo e co contorno. Son momentos de introspección nos que chegas a coñecerte mellor, dos que saen ideas e temos tempo para pensar nelas, para logo plasmalas no papel ao chegar á casa coa mente fresca polo satisfactorio e liberador esforzo. "Levo case 40 anos adestrando. Competín e compito. Saio a correr tres días á semana e vou ás carreiras populares. Iso si, só por divertirme e pasalo ben".

Agustín cun novo Javier Gómez Noya. Triatlón de Pontevedra 2004

Coido que o deporte lle deu as ferramentas necesarias, esas das que falaba Clemente, semellantes ás que se necesitan para ser escritor. Se a iso lle engades a súa paixón pola bioloxía, eses trotes polo monte San Lois, polo Iroite, pola Perouta ou esas andainas cando os xemelgos se queixan demasiado, dan como resultado esa temática da natureza que tan ben sabe trasladar aos seus libros. Dalle tempo, e non pensedes que vai amodo, a ver máis aló. Onde eu só vexo un camiño precioso para botar a correr, el é quen de ver máis aló e facérnolo ver aos demais a través da literatura.

Non hai moito, lía un artigo en La Voz de Galicia, na sección Orgullo Barbazano que leva por título: "Un profesor de biología en el universo de las letras" . A min gústame dicir, con moita honra, que me sinto orgulloso de contar: "¿sabes? Eu corría con ese que escribe."

Para rematar, que saibades que como corredor de fondo, como bo corredor de fondo (que de algo haberá que presumir) esta entrada xestouse nun trote de hora e media na preciosa soidade e o silencio dos camiños da Perouta, no que dar renda solta ás pernas e á imaxinación, que das palabras xa se encarga Agustín.


No hay comentarios:

Publicar un comentario